O venres 3 de febreiro de 2017 estreouse na Sala Ártika, en Vigo, Tras Tannhäuser, da compañía Feira do Leste. A peza, con dramaturxia de Ernesto Is e dirección de César No, que tamén tivo unha importante achega de creación colaborativa por parte das actrices, Nerea Brey, Sonsoles Cordón e Dunia Díaz; destaca por unha composición escénica e unha estética impecables. A iluminación, a cargo de José Faro, Coti, xoga así mesmo un papel eminente, como elemento non só de significación senón de puro deleite estético nalgúns intres, por exemplo cando unha luz rosada e azulada cobre as plumas nunha paisaxe que transcende a escena. Unha alfombra que se esfarela en miles de plumas que voan anárquicas, nun dúo dancístico coas actrices que vai transformando a paisaxe, regala imaxes dunha grande beleza. A implicación física das tres actrices, que ofrecen momentos de grande calidade plástica, é moi destacable tamén ao longo da obra.
Tras Tannhäuser encádrase dentro das pezas de teatro performativo posdramático. Non hai unha historia, senón unha serie de secuencias relacionadas morfoloxicamente, e presenta unha deconstrución e transformación do espazo escénico clara, un xogo cos diferentes elementos de significación teatrais que en moitas ocasións actúan ao mesmo nivel que as actrices (como as luces; a música, moi ben escollida; os sons…), hibridación de xéneros… Porén, nalgunhas secuencias apostaron por concentrar o foco, ou por compactar e pechar a peza con algúns elementos e recursos máis tendentes ao drama, como o monólogo final.
Tematicamente e morfoloxicamente pódense establecer analoxías entre os diferentes elementos de significación: as plumas da alfombra; os pregues do mantel que lembran as ás dun paxaro; o paxariño do pano de Dunia; as sereas nas historias que contan −na mitoloxía grega, as sereas preséntanse como seres metade ave e metade muller−; o polo que comen; os paxaros de papel que logo constrúen… Hai referencias directas e indirectas tamén a Dorothy, do Mago de Oz, Alicia no País das Marabillas; a Penélope, a muller de Ulises…
A obra comeza presentando unha cea que exalta de xeito paródico os bos modais. A mesa está moi ben disposta, coas velas acesas e música de Vivaldi de fondo; as tres actrices, de amarelo, verde e azul, cada unha sentada a un lado da mesa, propoñen un brinde e logo comezan a degustar un polo. Os modais son agrandados parodicamente, logo se van facendo máis grotescos. É moi interesante o emprego das mans que fai Sonsoles, para bendicir a mesa, para esaxerar o xeito de coller as copas segundo o protocolo, co dedo maimiño estirado; logo o xeito en que axuda a transformar a escena, cando de xeito progresivo comeza a mascar e falar coa boca aberta, a facer ruídos ao mastigar, a quitar os ósos ao polo dun xeito moi pouco decoroso… Unha luz vermella xa parecía predicir o caos inmediato. Prodúcense tamén repeticións con certa variación nas actividades físicas e verbais: no acto de servir a bebida, en como se repite o de que a comida está “exquisita e deliciosa…”.
Nerea, coa acción repetida e variada de beber, introduce referencias directas ao concepto wagneriano de obra de arte total, exaltándose, erguéndose e comezando a esparexer as plumas que tan ben conformaran a alfombra. Esta imaxe é dunha enorme carga plástica. Fala tamén da necesidade de espir a escena. Repite “Wagner, Wagner…”. Hai unha oposición entre a orde e decoro de antes co caos e coa falla de decoro de agora. Apagar as velas e recoller todos os utensilios da mesa, meténdoos dentro do mantel, completan a transición. Tamén quitar os vestidos e quedar nunha mestura de roupa de traballo e combinacións, retirando parte do cromatismo e reafirmando o presente escénico.
Nerea saca do bolso tres pares de medias, para que cada unha poña un cubrindo a cabeza. Isto axuda á despersonalización. Dunia senta nunha cadeira fronte a un espello de pé, iluminada por unha luz cálida que vén de abaixo, e é a última en poñer a media na cabeza.
A música, xunto cunha canción de Sonsoles que fai referencia a Alicia no País das Marabillas e que di“¡Que le corten la cabeza!”, contrasta coa imaxe delas coa media na cabeza, como se fose unha máscara neutra que lles borra a cabeza e resalta toda a expresión do corpo. Outra imaxe de grande beleza e potencia é a das tres actrices rodando polo chan sobre as plumas, e o son do vento que parece que esparexe as plumas.
Resulta moi potente o diálogo físico de Sonsoles coa mesa, e o son da mesa ao xirar… Semella un naufraxio co vento a zoar. Outra composición escénica moi interesante é a que se produce co xogo co velo e coa lanterna por parte de Sonsoles, mentres elas semellan sereas varadas na costa. É preciosa a imaxe da lanterna que evoca a lúa, e o xogo lumínico entre azul e rosado sobre as plumas. Aquí enlázase a narración oral co xogo con obxectos, moi fermoso, coa tea, que alude aos veos de noiva, que remite a un bebé…
Sonsoles, que estaba sen media, volve poñela. Teñen moita forza as coreografías que efectúan as actrices. O xogo que fai Nerea coas cadeiras, aínda que con variacións, nalgún intre evoca o Café Müller de Pina Bausch. É moi potente tamén a coreografía que realizan as tres sentadas nas cadeiras. Ten unha grande implicación física, que vén reforzada pola imaxe do cabelo das actrices a voar coas plumas e co son da respiración. Preséntanse variacións nos ritmos das caídas do tronco e da cabeza e contraste dunha quieta, mentres as outras se moven e logo volven as tres… As mans no ventre, o diálogo xestual entre Sonsoles e Nerea… son outros elementos que quedan na retina.
Hai outra reafirmación do presente escénico coa caligrafía de Dunia no espello con carmín: “Vaite”, repetido, como unha frase de castigo no colexio. Que non quere ver Alicia a través do espello? O dúo de danza que fai Dunia co espello é fermosísimo, xogando co risco de que poda romper, esparexendo as plumas, desdebuxando as letras, manchando a roupa co carmín…
A secuencia da construción dos paxaros de papel, mentres conversan sobre os soños e sobre a parálise do soño, resulta moi interesante, debido ao contraste da naturalidade destes textos coa certa ampulosidade que manexaban algún dos anteriores, máis elaborados e cargados de enumeracións, sinónimos… A estrutura da peza compáctase cun monólogo final de Nerea, moi poético e con recursos máis achegados ao drama, quizais nun pisco ao filme Blade Runner, que tamén remata co famoso monólogo que fai referencia á porta de Tannhäuser. Penduradas na memoria, no movemento das plumas, que seguen a danzar despois do remate oficial da peza, e no eco do escenario, quedan retallos da Odisea pola que transitaron as actrices e que foi transformando o espazo.
Ir a artículo original en Praza Pública