logo

Feira do Leste leva ao CDG as obras Tras Tannhäuser e Exilio das Moscas

  • A compañía viguesa fundada en 2016 presenta no Salón Teatro de Santiago as súas últimas montaxes.
  • Tras Tannhäuser forma parte do Programa de Creación Joven do Injuve como un dos mellores novos espectáculos de 2016.
  • Poderá verse os días 28, 29, 30 de setembro ás 20.30 horas e 1 de outubro ás 18.00 horas no Salón Teatro de Santiago.

 

Tras Tannhäuser e Exilio das Moscas chegan a Santiago de Compostela dentro da nova programación do Centro Dramático Galego. As montaxes son os últimos traballos da compañía viguesa que centra o seu traballo nas novas teatralidades posdramáticas actuais e con potentes imaxes poéticas.

Exilio das Moscas, estará o xoves 28 e venres 29 ás 20.30 no Salón Teatro, unha obra sobre os exiliados e o desarraigo, recolle temáticas de total actualidade  como as migracións, o racismo, os abusos de poder, a guerra, as raíces e a sátira política. Cunha clara dimensión performativa e posdramática, a montaxe está vinculada ao teatro físico e ás linguaxes escénicas e audiovisuais. Teas, maletas, fotografías en branco e negro, soldados de xoguete, roupas de época e outros elementos do imaxinario do exilio toman unha nova calidade e un novo sentido nesta proposta.

Dunia Díaz, Sonsoles Cordón, Germán Gundín e Hugo Rodríguez forman esta peza creada en residencia no Festival Vigo en Bruto 2016 do Teatro Ensalle de Vigo. “Pretendemos achegarnos á historia e á violencia que supón o exilio dende unhas linguaxes fragmentarias e sen perder nunca certo sentido do humor”, sinala a actriz Dunia Díaz.

O sábado 29 e o domingo 1 de outubro será a estrea de Tras Tannhäuser en Santiago. Unha obra que recolle o título dunha das máis famosas óperas de Wagner e recorda á película Blade Runner.

O dramaturgo Ernesto Is, gañador ex aequo do XI Premio Abrente en 2016, firma unha delicada dramaturxia fragmentaria con dirección de César No, ámbolos dous formados na ESAD de Galicia. “Quixemos falar da nosa xeración, que vai entre os vintetantos e os trinta anos, unha xeración que por diversos motivos é unha xeración desencanta que pode chegar a ser unha xeración perdida se non loitamos contra os nosos medos e contra as normas establecidas” sinala Is. No, pola súa parte, subliña a universalidade das dúas montaxes e as múltiples linguaxes empregadas “creo que son dúas obras honestas e que reflicten o momento no que nos atopamos como compañía. O noso teatro expresase a través da acción, da danza e da performance, algo que nos permite crear atmosferas moi atraíntes”, afirma.

As actrices Nerea Brey, Sonsoles Cordón e Carlota Mosquera son as tres mulleres protagonistas de Tras Tannhäuser, unha obra que pretende ser o reflexo dunha loita xeracional pola liberdade e ruptura co determinismo.

A lalinense Nerea Brey, que xa ten traballado en cine e en teatro, afirma que Tras Tannhäuser supón para ela unha oportunidade de enfrontarse aos seus medos, preocupacións e conflitos que “non son soamente nosos, falo dos meus medos que ao mesmo tempo son os medos de moitas persoas”, sinala. Para Sonsoles Cordón, acostumada a traballar en proxectos de cabaré e burlesque, supón un paso más aló e cre que é unha oportunidade para que o público galego “perda o medo ao teatro contemporáneo porque ten momentos nos que rís, outros nos que choras e outros nos que non sabes que está a pasar pero a forza poética di todo”, afirma.

Completan o equipo de Tras Tannhäuser o escenógrafo, José Faro “Coti” e o produtor Javier Lojo. Faro, firma unha iluminación e un espazo escénico que se caracteriza por cubrir todo o escenario de plumas brancas que voan e crean imaxes coa iluminación. Lojo, sinala o enorme reto que supón crear unha compañía desde cero en Vigo e Galicia, “vivimos nunha cidade na que non se fomentan as artes escénicas por parte das institucións por iso tamén queremos traballar e colaborar con outras compañías para reverter esta situación. Agradecemos o apoio do CDG nesta breve residencia artística dunha semana”, subliña.

Exilio das Moscas poderá verse no Salón Teatro de Santiago de Compostela o xoves 28 e venres 29 de setembro ás 20.30 horas e Tras Tannhäuser o sábado 29 de setembro ás 20.30 horas e o domingo 1 de outubro ás 18.00 horas.

Comments are closed.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies