logo

Tras Tannhäuser e o voo das sereas

CRÍTICA TEATRAL DE ANA ABAD DE LARRIVA EN PRAZA PÚBLICA | 17 de febrero de 2017

O venres 3 de febreiro de 2017 estreouse na Sala  Ártika, en Vigo, Tras Tannhäuser, da compañía Feira do Leste. A peza, con dramaturxia de Ernesto Is e dirección de César No, que tamén tivo unha importante achega de creación colaborativa por parte das actrices, Nerea Brey, Sonsoles Cordón e Dunia Díaz; destaca por unha composición escénica e unha estética impecables. A iluminación, a cargo de José Faro, Coti, xoga así mesmo un papel eminente, como elemento non só de significación senón de puro deleite estético nalgúns intres, por exemplo cando unha luz rosada e azulada cobre as plumas nunha paisaxe que transcende a escena. Unha alfombra que se esfarela en miles de plumas que voan anárquicas, nun dúo dancístico coas actrices que vai transformando a paisaxe, regala imaxes dunha grande beleza. A implicación física das tres actrices, que ofrecen momentos de grande calidade plástica, é moi destacable tamén ao longo da obra.

Tras Tannhäuser  encádrase dentro das pezas de teatro performativo posdramático. Non hai unha historia, senón unha serie de secuencias relacionadas morfoloxicamente, e  presenta unha deconstrución e transformación do espazo escénico clara, un xogo cos diferentes elementos de significación teatrais que en moitas ocasións actúan ao mesmo nivel que as actrices (como as luces; a música, moi ben escollida; os sons…), hibridación de xéneros… Porén, nalgunhas secuencias apostaron por concentrar o foco, ou por compactar e pechar a peza con algúns elementos e recursos máis tendentes ao drama, como o monólogo final.

Tematicamente e morfoloxicamente pódense establecer analoxías entre os diferentes elementos de significación: as plumas da alfombra; os pregues do mantel que lembran as ás dun paxaro; o paxariño do pano de Dunia; as sereas nas historias que contan −na mitoloxía grega, as sereas preséntanse como seres metade ave e metade muller−; o polo que comen; os paxaros de papel que logo constrúen… Hai referencias directas e indirectas tamén a Dorothy, do Mago de Oz, Alicia no País das Marabillas; a Penélope, a muller de Ulises

A obra comeza presentando unha cea que exalta de xeito paródico os bos modais. A mesa está moi ben disposta, coas velas acesas e música de Vivaldi de fondo; as tres actrices, de amarelo, verde e azul, cada unha sentada a un lado da mesa, propoñen un brinde e logo comezan a degustar un polo.  Os modais son agrandados parodicamente, logo se van facendo máis grotescos. É moi interesante o emprego das mans que fai Sonsoles, para bendicir a mesa, para esaxerar o xeito de coller as copas segundo o protocolo, co dedo maimiño estirado; logo o xeito en que axuda a transformar a escena, cando de xeito progresivo comeza a mascar e falar coa boca aberta, a facer ruídos ao mastigar, a quitar os ósos ao polo dun xeito moi pouco decoroso… Unha luz vermella xa parecía predicir o caos inmediato. Prodúcense tamén repeticións con certa variación nas actividades físicas e verbais: no acto de servir a bebida, en como se repite o de que a comida está “exquisita e deliciosa…”.

Nerea, coa acción repetida e variada de beber, introduce referencias directas ao concepto wagneriano de obra de arte total, exaltándose, erguéndose e comezando a esparexer as plumas que tan ben conformaran a alfombra. Esta imaxe é dunha enorme carga plástica.  Fala tamén da necesidade de espir a escena. Repite “Wagner, Wagner…”. Hai unha oposición entre a orde e decoro de antes co caos e coa falla de decoro de agora. Apagar as velas e recoller todos os utensilios da mesa, meténdoos dentro do mantel, completan a transición. Tamén quitar os vestidos e quedar nunha mestura de roupa de traballo e combinacións, retirando parte do cromatismo e reafirmando o presente escénico.

Nerea saca do bolso tres pares de medias, para que cada unha poña un cubrindo a cabeza. Isto axuda á despersonalización. Dunia senta nunha cadeira fronte a un espello de pé, iluminada por unha luz cálida que vén de abaixo, e é a última en poñer a media na cabeza.

A música, xunto cunha canción de Sonsoles que fai referencia a Alicia no País das Marabillas e que di“¡Que le corten la cabeza!”, contrasta coa imaxe delas coa media na cabeza, como se fose unha máscara neutra que lles borra a cabeza e resalta toda a expresión do corpo. Outra imaxe de grande beleza e potencia é a das tres actrices rodando polo chan sobre as plumas, e o son do vento que parece que esparexe as plumas.

Resulta moi potente o diálogo físico de Sonsoles coa mesa, e o son da mesa ao xirar… Semella un naufraxio co vento a zoar. Outra composición escénica moi interesante é a que se produce co xogo co velo e coa lanterna por parte de Sonsoles, mentres elas semellan sereas varadas na costa. É preciosa a imaxe da lanterna que evoca a lúa, e o xogo lumínico entre azul e rosado sobre as plumas. Aquí enlázase a narración oral co xogo con obxectos, moi fermoso, coa tea, que alude aos veos de noiva, que remite a un bebé…

Sonsoles, que estaba sen media, volve poñela. Teñen moita forza as coreografías que efectúan as actrices. O xogo que fai Nerea coas cadeiras, aínda que con variacións, nalgún intre evoca o Café Müller de Pina Bausch. É moi potente tamén a coreografía que realizan as tres sentadas nas cadeiras. Ten unha grande implicación física, que vén reforzada pola imaxe do cabelo das actrices a voar coas plumas e co son da respiración. Preséntanse variacións nos ritmos das caídas do tronco e da cabeza e contraste dunha quieta, mentres as outras se moven e logo volven as tres… As mans no ventre, o diálogo xestual entre Sonsoles e Nerea… son outros elementos que quedan na retina.

Hai outra reafirmación do presente escénico coa caligrafía de Dunia no espello con carmín: “Vaite”, repetido, como unha frase de castigo no colexio. Que non quere ver Alicia a través do espello? O dúo de danza que fai Dunia co espello é fermosísimo, xogando co risco de que poda romper, esparexendo as plumas, desdebuxando as letras, manchando a roupa co carmín…

A secuencia da construción dos paxaros de papel, mentres conversan sobre os soños e sobre a parálise do soño, resulta moi interesante, debido ao contraste da naturalidade destes textos coa certa ampulosidade que manexaban algún dos anteriores, máis elaborados e cargados de enumeracións, sinónimos…  A estrutura da peza compáctase  cun monólogo final de Nerea, moi poético e con recursos máis achegados ao drama, quizais nun pisco ao filme Blade Runner, que tamén remata co famoso monólogo que fai referencia á porta de Tannhäuser. Penduradas na memoria, no movemento das plumas, que seguen a danzar despois do remate oficial da peza, e no eco do escenario, quedan retallos da Odisea pola que transitaron as actrices e que foi transformando o espazo.

Ir a artículo original en Praza Pública

Comments are closed.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies